Remate do proceso participativo da piscina Vella

12:23 - 18 de Outubro de 2017

É xusto dicir que este proceso participativo da Piscina Vella tivo unha boa aceptación na cidadanía lalinense, a pesar das dúbidas iniciais que espertou nos veciños. Na primeira fase participaron 501 persoas, ademais de asociacións e grupos de interese do concello, mentres que na segunda fase votaron 535 persoas.

O primeiro obxectivo do proxecto foi dar a coñecer que é un proceso participativo e facilitar a participación de toda a cidadanía. Para elo trazouse unha estratexia para chegar a máxima poboación posible. Por un lado a promoción online (máis de 2.200 visitas e mais de 200 seguidores nas redes sociais), mediante a paxina web e as redes socias, e por outro vía presencial, mediante talleres, xornadas de portas abertas, charlas e visitas a centros educativos. Como este proceso é o primeiro que se fai no concello prestouse especial atención á poboación cativa visitando todos os colexios e institutos do municipio de Lalín. Na primeira enquisa houbo máis de 50 usos propostos, dende un comedor social ata un albergue de peregrinos. Pero a alternativa con máis apoio foi a ampliación da piscina aberta, cos argumentos de que no verán a piscina existente quedábase pequena e a poboación tiña que desprazarse a outras localidades como Antas de Ulla. Esta proposta duplicaba a seguinte que era un espazo multifuncional que presentaba un forte apoio dende as asociacións, xa que demandaban espazos de oficinas e para levar a cabo as súas actividades. A terceira era unha zona de ocio e xogos para a poboación máis nova. A cuarta posición era volver ser unha piscina climatizada, apoiada fundamentalmente polas asociacións de pais e polos amantes da natación. A quinta era crear unha zona multideportiva para os deportes minoritarios. A maior parte da poboación, a pesar de elixir unha ou outra proposta, coincidía na necesidade dunha piscina climatizada das dimensións da antiga, afirmando que a actual queda pequena. A votación final vencellouse a unha exposición do proceso para que os votantes tiveran unha visión completa das alternativas. Nos paneis da exposición reflexábase a representacións 3D de cada proposta, os seus posibles usos, comparábanse economicamente co resto de alternativas, etc.

Esta votación a penas trocou a anterior tendencia e gañou a piscina aberta como a alternativa máis apoiada, inda que o peso da piscina aberta foi moito menor. Moitos cidadáns trocaron o seu voto a favor do uso multifuncional ou zonas de xogos debido o seu maior aproveitamento ao longo de todo ano. Os partidarios da piscina aberta seguían crendo que sería un gran atractor de visitantes no verán a pesar de supoñer un coste maior. Para concluír, pensamos que este primeiro proceso de participación senta as bases para futuras iniciativas na procura dun Lalín máis inclusivo, onde todas e todos poidan decidir o futuro do municipio. Se ben, neste procedemento, so se vai poder levar a cabo unha das propostas sobra dicir que durante este proxecto xurdiron moitas e moi boas ideas que deberían ser tidas en conta nas futuras actuacións do Concello.

Preme para ver o segundo informe

Proceso